viernes, 23 de junio de 2017

DESPEDIDA

E aquí remata a edición deste blog correspondente ao curso 2016-17.
Moitos foron os traballos e esforzos, moitos máis dos que aquí se recollen. Pero ningún quedou perdido, pois todos van dentro de nós convertidos en aprendizaxes, os nosos verdadeiros tesouros.

Agora toca desfrutar das vacacións.

Feliz verán, e ata setembro.


CONTO DO ROBOT CON ABRIGO

Por casualidades que ocorren ás veces, chegou ás mans dun alumno de 2º un marcapáxinas moi especial. Fora feito por un alumno de 4 anos do CEIP de Cervo (Lugo). Era parte dunha interesante actividade daquel Colexio con motivo do Día das Letras Galegas, que consiste na elaboración de marcapáxinas numerados que se distribúen como pezas únicas, recordando as pezas da cerámica de Sargadelos, propia daquela zona.
O que chegou ata nós estaba feito por Samuel, e representaba un robot con abrigo, coa lenda "O ROBOT CON ABRIGO É O NOSO AMIGO".
Como o marcapáxinas viña acompañado por unha etiqueta na que se explicaba o sentido da actividade, e nela se invitaba ao receptor do marcapáxinas a poñerse en contacto co Colexio por correo electrónico, co compromiso de devolver resposta, decidimos poñernos mans á obra.
Comunicámonos con eles empregando as novas tecnoloxías, e recibimos unha afectuosa comunicación do Director do Centro agradecendo o noso xesto, e gratamente sorprendido porque o marcapáxinas chegase tan lonxe.
Recordámoslles que eles tamén tiñan un traballo noso: o cartel nº8 dos premiados e distribuídos pola Consellaría a todos os Colexios de Galicia, homenaxeando a Carlos Casares. E déronnos os seus parabéns polo noso bo facer.

O alumnado de 2º sentiuse moi motivado e daquela decidimos elaborar un conto para regalarlle a Samuel, empregando como protagonista o "robot con abrigo" do seu marcapáxinas.
Redactámolo, pasámolo a limpo con bolígrafo (que xa o usamos), ilustrámolo, vimos como se escaneaba, como se copiaba nun lapis de memoria, como se copiaba do lapis de memoria a outro ordenador (o da aula), e como se enviaba como adxunto nun novo correo electrónico.
Recibimos o agradecemento do CEIP de Cervo, onde llelo amosaron ao alumnado de Educación Infantil con gran deleite para este. 
E merecemos novamente a felicitación do profesorado que o recibiu, pola calidade do noso traballo.













miércoles, 21 de junio de 2017

PROGRAMA DE ENRIQUECEMENTO CURRICULAR

Este curso continuouse a desenvolver no Centro o programa de Enriquecemento Curricular para dar resposta a necesidades dunha parte do alumnado.
O alumnado de 2º que participou neste programa levou a cabo traballos de afondamento en determinados aspectos do currículo. Busca de información a través da Internet (TIC,s), xestión desa información e confección de murais que, como produto final, foron explicados en exposición oral diante dos compañeiros. A temática foi escollida polo alumnado participante.












PREMIOS DO CERTAME LITERARIO

O mesmo día 12 de xuño entregáronse os premios do Certame Literario "Emilia González Barreiro", que organiza anualmente o EDL do Colexio.

O alumnado de 2º participou nas modalidades de Narración e Poesía.
No primeiro xénero elaboramos contos fantásticos con animais mitolóxicos como protagonistas, previamente presentados e coñecidos na hora de lectura.
No segundo expresamos de xeito poético diferentes emocións traballadas ao longo do curso en actividades de intelixencia emocional.

Varios dos nosos traballos foron recoñecidos con premios. E seguimos coa ilusión de continuar participando, que é o importante.






ENTREGA DE PREMIOS

O 12 de xuño recibimos, de mans do Xefe Territorial, o premio do concurso de carteis con motivo do Día das Letras Galegas. Estivo acompañado por responsables de Política Lingüística, e contamos coa presenza dunha sobriña do autor homenaxeado, Carlos Casares, do Inspector de Zona, e dunha representación da ANPA do Centro.





















No acto felicitaron ao Centro polo traballo realizado, así como ao noso grupo (2º) por realizar o cartel nº8, escollido pola cadea de supermercados Erosky para figurar nas súas bolsas.


O alumnado participou en varias actuacións: 
-"Entrevista" a Carlos Casares na que foi preguntado pola súa vida e obra.


- Lectura, por parte de dous alumnos de 4º, do poema "Amemos", de Carlos Casares.


- Lectura, por parte de dous alumnos de 2º, dunha adaptación do conto do autor titulado "A Galiña Azul". Esta adaptación foi feita por un grupo de mestres/as do Centro, dentro dun programa de Innovación Pedagóxica no que participa o Colexio, e consta de texto e pictogramas para facilitar a súa lectura ao alumnado con TEA.




















- Interpretación do Himno Galego por todos os presentes, con música de acordeón interpretada por dous alumnos de 6º.




O mesmo acto, coas actuacións do alumnado, mereceu os parabéns das autoridades, e provocou a satisfacción de todos os presentes.
VISITA DE GREENPEACE

Con motivo da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente recibinos no Centro a visita duns voluntarios de Greenpeace, que centraron o seu traballo na concienciación do uso responsable das bolsas de plástico.
Con axuda dun documental, explicaron os danos provocados na fauna mariña polos plásticos que acaban no mar. Foi un documental impactante.
Aconselláronnos acudir ás compras con bolsas reutilizables, incidindo na necesidade de separar o lixo na casa para favorecer a reciclaxe.
E remataron organizando un exercicio práctico de repaso do uso dos diferentes colectores de lixo, con dramatización sobre a mellor opción de compra atendendo ao tipo de envasado dos produtos: mellor comprar produtos que non veñan envasados con plásticos.







lunes, 5 de junio de 2017

VIDEOCONFERENCIA

O venres, día 2 de xuño, levamos a cabo unha videoconferencia co alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria do CEIP "Virxe da Cela", de Monfero.

Este colexio e mais o noso están levando a cabo unha iniciativa, que partiu do Equipo de Dinamización Lingüística do noso centro, consistente no intercambio de traballos dentro dunha relación de compañeiros de diferentes ámbitos xeográficos.
O obxectivo desta iniciativa é que o alumnado de ambos centros se enriqueza coas experiencias cotiás dos outros: nenos/as de cidade con nenos/as do rural e viceversa.
Pero o principal para nós é coñecer rapazas e rapaces que empregan o galego como lingua habitual de comunicación, e compartir con eles o uso desa lingua que posuímos en común e que tan pouco empregamos de xeito espontáneo.

Non foi esta a primeira actividade que realizamos no curso dentro desta iniciativa. Os primeiros contactos fixémolos xa hai tempo, presentándonos mediante debuxos e textos escritos que enviamos e recibimos por correo postal.

Nesta ocasión, e facendo uso das posibilidades que nos ofrecen as novas tecnoloxías, fomos capaces de vernos e escoitarnos. Para iso preparamos, xunto co prefesorado do colexio de Monfero, esta actividade que consistiu en catro apartados:

- Presentacións.
- Características dos nosos colexios e lugares de residencia (no noso caso A Coruña e o barrio).
- Actuacións (nós propuxemos adiviñas, contamos chistes e fixemos malabarismos).
- Conversa, na que fixemos e respostamos preguntas sobre os nosos gustos e afeccións escolares e persoais.

A actividade prolongouse durante unha hora. A atención e interese do alumnado estivo garantida todo o tempo. Foi unha experiencia moi enriquecedora dende o punto de vista técnico (experiencia TIC,s), social (intercambio de experiencias e coñecementos) e lingüístico (preparación e desenvolvemento da videoconferencia, integramente en lingua galega).

Queda en proxecto o coñecérmonos fisicamente mediante viaxes de visita dun Centro a outro, pero iso en vindeiros cursos.